23 de abr. de 2026

A moi fantástica visita á mina e ao zoo

Pois aproveitando a visita que estaba prevista para o PDC do noso centro e unha vez que nos enteramos de que ían visitar, entre outras cousas, o parque zoolóxico de Marcelle e posto que limos o libro de Jöel Dicker, decidimos tentar á sorte (a ver se nos ía pasar como no libro) e unirnos aos nosos compañeiros. Así que adiantamos a tradicional excursión de fin de curso do Club de Lectura a este mes.

Pola mañá fumos á Pontenova visitar a mina Consuelo, a única de Galicia onde se pode acceder (con guía) a unha das galerías. Dende os fornos do centro da Pontenova o guía, Jorge, explicounos a implicación e a importancia do descubrimento do mineral para o pobo e a comarca, e máis a historia ata o peche da actividade na mina. No interior xa, xunto co emocionante descenso ao nivel -1, aprendemos cousas sobre as carrizas luminosas, os espeleotemas e os estromatolitos. Para rematar a ruta lanzámonos na tirolina para volver a través de túneles furados na montaña, ao único forno de Boulloso que queda en pé. 

Despois dunha máis que merecida comida e doutra boa cabalgada no autobús chegamos ao parque zoolóxico de Marcelle en Outeiro de Rei. Neste caso o guía, David, contounos moitísimas cousas interesantes sobre os animais que alí atopamos dun xeito ben ameno tamén. Rematamos a faena cunha actividade de tiro con arco.

Tivemos moita sorte co tempo porque esperou case a que subiramos ao autobús de volta para poñerse a chover. Foi un día longo e canso, pero moi ben aproveitado, fantástico e divertido.

17 de abr. de 2026

Como bestias

Como bestias de Violaine Bérot foi un libro que gustou case por unanimidade. É a primeira vez que percibimos un posible sesgo de xénero e é que como nos faltou o outro integrante do club non podemos afirmalo rotundamente.

Sorprendeunos (e isto é algo que ten en común con enderezo descoñecido) o feito de que a autora fora quen de contar unha historia tan profunda cunha análise tan detallada en tan poucas páxinas. Unha historia dura e ruda que nos fai reflexionar e preguntarnos sobre quen son as verdadeiras bestas e como a sociedade condiciona (e de que maneira!) o comportamento e máis o que poden ou non poden facer aquelas persoas non normativas ou neurodiverxentes. Como dixo unha das integrantes do club "todo o que a xente pode chegar a facer coa súa intromisión". Como dirían as fadas do conto, normales anormalmente normalizados.