18 mar 2024

"Caída en picado"

Como o eixo de traballo deste ano da biblioteca é sobre a Auga e para o venres hai planificado a visualización de diferentes videos con esta temática, dende o club de lectura quixemos destacar outro dos temas importantes do libro lido neste trimestre, o da distopía.
E para isto decantámonos por ver un episodio de Black Mirrow, unha serie que en palabras do seu propio creador reflicte á sociedade na que podemos chegar a vivir se, tecnolóxicamente, somos zoupóns.


Eliximos para ilustrar esta realidade o episodio chamado "Nosedive" que mostra ata que punto o móbil e as redes sociais poden chegar a controlar e determinar a nosa vida.
Un pouco de miedito si que dá!

26 feb 2024

Be Water

Be Water de Antía Yáñez é unha distopía que mostra unha sociedade xerárquica e desigual baixo un réxime político totalitario no que o elemento de control e ese que resulta imprescindible para a vida humana, a auga. Auga que escasea debido ao Gran Cataclismo, que fixo que a humanidade se tivera que refuxiar baixo terra en estruturas elípticas semellantes a colmeas.


Pero en toda distopía sempre hai lugar para a esperanza, representada por as dúas mulleres que ligan a todos os protagonistas do libro: a Avoa que viviu na "era superficial" e a bisneta que vivirá sen dúbida de novo na superficie.
O ecoloxismo, o totalitarismo, a desigualdade social e de xénero, os estereotipos, o papel da muller, a transmisión de valores, a maternidade adolescente, o sexo por obriga ou por pracer, ... son só algúns dos temas que trata a obra en maior ou menor medida.
Hai a quen lle gustou máis e a quen lle gustou menos. Sexa como for, deu para falar un bo rato.