16 jun. 2012

OS LARETAS en OURENSE

A lectura de "As sete mortes" neste curso ofreceunos a disculpa perfecta para viaxar a Ourense. Podería ter sido Lugo, A Garda, Fisterra, O Coural, A Coruña ou calquera dos escenarios nos que se desenvolve a novela de Carlos Vila Sexto, pero esta vez tocoulle a Ourense, unha cidade aínda descoñecida para moitos.  Botamos en falla a tres dos membros do club, Alba, Tatiana e Amparo, que por distintos motivos non puderon acompañarnos.
Ourense non nos defraudou: recibiunos cun tempo espléndido (coa temperatura xusta) que nos permitiu disfrutar da visita a parte do seu rico patrimonio:
  • Contemplamos a Ponte do Milenio e percorrimos preto de 500 escalóns poñendo a proba a nosa forma física (alguén andivo nos días seguintes cunhas tremendas maniotas nos xemelgos).
  • Achegámonos ás Burgas, as fontes termais que dan nome á cidade.
  • Percorrimos o casco histórico: a Praza Maior, Praza do Trigo, Catedral....
  • Rematamos a mañá visitando o Museo do Tren, no Centro Cultural da Deputación de Ourense. Alí, da man de Curros Enríquez e do guía do museo, coñecimos a historia da chegada do tren á cidade e admirámonos coa colección de preto de 4000 pezas reunidas por Manuel Fernandez Pacheco, un madrileño que iniciou a súa afeción polos trens despois de recibir como regalo de seu pai un tren de xoguete "PAYÁ".
  • Para rematar unha xornada redonda, desprazámonos como auténticos turistas no Tren das Termas que nos levou a Outariz, onde xantamos e nos puxemos a remollo nas súas pozas termais. Saímos renovados e coas baterías cargadas para seguir o vindeiro ano reuníndonos ó redor dos libros (e da comida).
Para dar fe de todo este percorrido, compartimos convosco estas fotos que recollen algúns dos momentos da visita.
Aquí vos deixamos tamén o poema de Curros Enríquez :
"Na chegada a Ourense da primeira locomotora -1881-"


Velaí ven, velaí ven avantando
comaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saludaina, rapaces e vellos!
Por onde ela pasa
fecunda os terreos,
espértanse os homes,
frolecen os eidos.
Velaí ven, velaí ven tan oupada,
tan milagrosiña, con paso tan meigo,
que parece unha Nosa Señora,
unha Nosa Señora de ferro.
Tras dela non veñen
abades nin cregos;
mais vén a fartura
¡i a luz i o progreso!

Catedral, demagogo de pedra,
dun pobo fanático erguida no medio,
repinica esas chocas campanas
en sinal de alegría e contento.
Asocia esas voces
ó son dos pandeiros,
¡ás santas surrisas
de terras e ceos!
E ti, río dos grandes destinos,
que os himnos ensaias dos trunfos ibéricos,
requeimáda-las fauces de sede
vén o monstro a beber no teu seo.
Bon samaritano,
dálle auga ó sedento;
que a máquena é o Cristo
dos tempos modernos.

No hay comentarios: