21 may. 2013

INTERCAMBIO de CLUBS DE LECTURA (2ª parte): Visita do IES Leliadoura a Outes

O pasado día 6 de maio tivemos a ocasión de acoller no noso centro ós membros do Club de Lectura do IES Leliadoura de Ribeira, como parte do intercambio que iniciáramos semanas antes e do que vos informamos tamén neste blog.

Tras amosarlles o noso centro e instalacións, compartimos xantar e posteriormente falamos da experiencia que supón formar parte dun club de lectura. Houbo tamén tempo para comentar e recomendar lecturas, como xa fixéramos no anterior encontro.
Posteriormente, chegou o momento de amosar algúns dos  recunchos máis fermosos do concello de Outes. Fixemos unha pequena guía con información dos lugares a visitar pero lamentablemente, a choiva non nos dou tregua e nos acompañou durante toda a viaxe a Pontenafonso, ó Pazo do Tambre e á praia de Broña.  A auga que caía, aparte de non permitirnos realizar o percorrido planificado que incluía parte do Roteiro Añón, obrigounos a permanecer sentados dentro do bus a meirande parte do tempo. Aquelo de que "nunca choveu que non escampara" non se cumpriu ese día. Foi unha auténtica mágoa!. Sentímolo especialmente polos nosos invitados.

Véndolle o lado positivo, esa imposibilidade de realizar a visita en boas condicións quizás sexa a escusa perfecta para regresar a Outes e velo radiante noutras condicións meteorolóxicas máis benévolas.
Como "souvenir" da ocasión, fixemos este mini-vídeo coas escasas fotos que tomamos a risco de afogar as cámaras en tanta auga. Esperamos que vos guste.


No hay comentarios: