30 de xuño de 2025

Andaina: As fragas do Eume e Pontedeume

Aproveitando que unha das lecturas do Club deste curso foi O Segredo de Al´eume de Pilar Ortega, decidimos visitar as Fragas do Eume e máis Pontedeume.


Polas Fragas fixemos un percorrido circular guiados por Xulián que nos ensinou e aprendimos abondosas cousas de etnografía, xeoloxía, fauna e flora do lugar. Quedamos abraiados coa cantidade e diversidade de fieitos que hai.
Unha vez no mosteiro descubrimos a historia de San Rosendo e máis o seu anel que cal soldadiño de chumbo reapareceu nun salmón. A camiñada co que petaba o sol (sobre todo á volta) foi dura!
Despois dunha comida de convivencia á sombra dos pinos da praia da Magdalena de Cabanas fixemos desta volta unha ruta urbana pola vila de Pontedeume.


Silvia, a nosa guía, explicounos a historia e o desenvolvemento da vila explicándonos a importancia das sardiñas, dos antigos oficios, da pote, da muralla, dos Andrade e máis do arcebispo Rajoy. Rematamos a visita subindo á Torre dos Andrade (sede da oficina de Turismo) e desde o alto puidemos esculcar todo o territorio que pertencía a antiga familia dos Andrade.
Día intenso e caluroso!

17 de xuño de 2025

O dilema das redes

Para rematar o curso e relacionado coa nosa derradeira lectura deste curso, Redes de Eloy Moreno, proxectamos o documental O dilema das redes. A pesar de estar realizado no ano 2020 e de centrarse fundamentalmente no Facebook, deixa entrever perfectamente como funcionan todas as redes sociais actualmente: Instagram, tik-tok, X... para os que somos simplemente productos a vender e dos que sacar aproveitamento.

 
A pesar de durar practicamente todo o tempo que tiñamos para a sesión, xerou un intenso (aínda que corto que tiñamos clase) debate ao finalizar.

9 de xuño de 2025

Despedida e peche do club de lectura de adultos

Como a comida e a compaña marida ben coa lectura e os libros, decidimos despedir o curso cunha cea. Alí tivemos tempo de falar, entre outras moitas cousas, de que libro nos gustara máis, cal foi o que non nos gustou, cal nos supuxo unha maior dificultade, e incluso comentáronse propostas para o curso vindeiro. 


A cousa parece que marcha; xa tiñan présa por coñecer a data de comezo do novo curso e a da próxima reunión do Club.