Aproveitando que unha das lecturas do Club deste curso foi O Segredo de Al´eume de Pilar Ortega, decidimos visitar as Fragas do Eume e máis Pontedeume.
Polas Fragas fixemos un percorrido circular guiados por Xulián que nos ensinou e aprendimos abondosas cousas de etnografía, xeoloxía, fauna e flora do lugar. Quedamos abraiados coa cantidade e diversidade de fieitos que hai.
Unha vez no mosteiro descubrimos a historia de San Rosendo e máis o seu anel que cal soldadiño de chumbo reapareceu nun salmón. A camiñada co que petaba o sol (sobre todo á volta) foi dura!
Despois dunha comida de convivencia á sombra dos pinos da praia da Magdalena de Cabanas fixemos desta volta unha ruta urbana pola vila de Pontedeume.
Silvia, a nosa guía, explicounos a historia e o desenvolvemento da vila explicándonos a importancia das sardiñas, dos antigos oficios, da pote, da muralla, dos Andrade e máis do arcebispo Rajoy. Rematamos a visita subindo á Torre dos Andrade (sede da oficina de Turismo) e desde o alto puidemos esculcar todo o territorio que pertencía a antiga familia dos Andrade.
Día intenso e caluroso!
Ningún comentario:
Publicar un comentario