Por se foran de utilidade deixamos o enlace as guías de lecturas e máis da excursión realizada no curso.
Guías de Lectura Laretas:
- Redes
Guías de Lecturas Laretas Adultos:
- Berta
- Arrugas
Guía da Andaina:
Para ler, para falar, para escoitar, para soñar, para entreterse, para saber, para pensar, para ser...
Aproveitando que unha das lecturas do Club deste curso foi O Segredo de Al´eume de Pilar Ortega, decidimos visitar as Fragas do Eume e máis Pontedeume.
Para rematar o curso e relacionado coa nosa derradeira lectura deste curso, Redes de Eloy Moreno, proxectamos o documental O dilema das redes. A pesar de estar realizado no ano 2020 e de centrarse fundamentalmente no Facebook, deixa entrever perfectamente como funcionan todas as redes sociais actualmente: Instagram, tik-tok, X... para os que somos simplemente productos a vender e dos que sacar aproveitamento.
Como a comida e a compaña marida ben coa lectura e os libros, decidimos despedir o curso cunha cea. Alí tivemos tempo de falar, entre outras moitas cousas, de que libro nos gustara máis, cal foi o que non nos gustou, cal nos supuxo unha maior dificultade, e incluso comentáronse propostas para o curso vindeiro.
Persépolis de Marjane Satrapi foi a derradeira lectura do club de lectura de adultos deste curso. Sorprendeu e gustou. A utilización do blanco e negro nas viñetas, a expresividade destas, a temática, o desenvolvemento da historia persoal da protagonista e da familia, o contexto histórico, a realidade do país, o confrontamento entre civilizacións, as reflexións persoais... Un libro para coñecer e para aprender. Un libro que nos mostra, por se non o tiñamos claro coa nosa propia historia, que as distopías poden non estar tan lonxe da realidade.
Decidimos desta volta retratarnos coa montaxe que fixemos este curso para commemorar o 8 M.
Redes de Eloy Moreno foi a derradeira lectura deste ano coa rapazada da ESO. Eliximos a lectura porque gustáranos moito Invisible, porque trata o tema das redes sociais e porque gústanos ler novidades frescas.
A pesar de que gustou as constantes regresións e progresións no tempo dificultoulle a lectura a algúns.
Afortunadamente parece que non temos a ninguén que sufra de Nomofobia, xa que comentamos tamén a desconexión do día do apagón e a ninguén lle supuxo maior problema.
O luns 28 de abril de 2025 tiñamos reunión sinalada para falar de El Archipiélago del Perro de Philippe Claudel.
A pesar do apagamento e posto que facía un día magnífico e unha temperatura máis que agradable abandonamos o interior do centro para, como antano, sacar os bancos e as cadeiras e poñernos a rexoubar á porta do Instituto.
E a pesar das ausencias (por cuestións mecánicas ou por imposibilidade de comunicación) resultou unha sesión ben agradable.
Por duración, debido ao tempo limitado que temos ao mediodía, escollemos un filme dos anos 80, Stand by me de Rob Reiner, un clásico do cine de aventura e adolescencia, baseado nunha novela do escritor de misterio e terror, Stephen King.
Foi curioso descubrir, pola reacción da rapazada, o politicamente incorrectas que poden resultar hoxe en día algunhas películas (o vocabulario, as actitudes, o comportamento, as maneiras dos protagonistas....) aínda que isto non lle resta validez á obra.
Un grupo de rapaces decide ir en busca do corpo doutro rapaz que saben morto á beira da vía do tren. Atoparán o corpo pero tamén se atoparán a eles mesmos nunha viaxe na que descubrirán e terán que loitar contra os seus medos, as súas teimas e as expectativas que pesan sobre cada un deles.
Vale a pena vela aínda que só sexa pola música e máis por esa conversa entre Gordie e Chris, dúas das personaxes protagonistas:
- Crees que soy un bicho raro?
- Y que? Todo el mundo lo es!
Cambiamos de tercio e botámonos de cabeza á novela negra. Lemos a última obra de Arantza Portabales, Asasinato na Casa Rosa. Gustou o libro e gustou o xénero a pesar de ser o libro máis extenso que lemos ata o momento. Pero concordamos en que resultou sinxelo de ler e que se mantivo o misterio ata o final.
Coa falta de parte do alumnado (unha por enfermidade, pobre, e outra por estar de viaxe en París, non pobre) tivemos a sesión de reunión do club de lectura deste trimestre. Eliximos un libro que mestura intriga e aventura, que nos resultou sinxelo e entretido e que gustou maioritariamente. O segredo de Al´eume de Pilar Ortega.
Narra a historia dunha adolescente que agocha un segredo (aínda que somos coñecedores del dende o principio) e de como intenta resolvelo buscando outro segredo de características ben diferentes.
Deu para comentar sobre as actitudes das persoas adultas do relato, sobre as mentiras, os ciumes, a carraxe, os medos, a honestidade, o valor da amizade, a utilización do móbil, as redes sociais e as cousas que nos parecen incribles na ficción pero que a realidade supera, as veces, con creces.
Desta volta estrenámonos no mundo da nóvela gráfica posto que parte dos integrantes do grupo, nunca lera ningunha. Eliximos para isto Arrugas de Paco Roca, unha historia que, por sinxela, non deixa de ser moi emotiva.
Onte visitounos Abel Tomé, autor da última obra lida, A Noite do Oso, oriúndo do concello e, ademáis, exalumno dos primixenios tempos do centro. Convidamos e participou xente allea ao centro que estaba interesada na charla posto que tamén lera o libro.
Case non puido nen presentalo porque o asaltamos, case dende o principio, con todas aquelas dúbidas derivadas das nosas especulacións, teorías, hipóteses e conxeturas que nos xurdiran segundo iamos lendo o libro e que xa debatíramos apaixonadamente na reunión anterior.
Quedou patente a importancia da interpretación que as persoas que len un libro fan, á hora de darlle unha volta a todo aquilo que rodea a historia principal.
Aínda así quedou contento que prometeu volver!
A amizade e a súa importancia reflíctea bastante ben unha pelicula do ano pasado que gañou premios en diferentes certames como o festival de cine de Sitges ou nos premios do cine europeo, Forqué, Goya ou Feroz.
Asi como nos animamos co Manga, así tamén nos animamos co cine de animación: Robot Dreams que narra a relación de amizade (as complicacións e a evolución) entre un can e un robot. Un acerto aínda que o feito de ser muda non gustou a todo o mundo.
A noite do Oso de Abel Tomé, foi o libro escollido como segunda lectura do Club de Lectura de adultos. O feito de que o autor sexa outiense e de que estudiara no propio instituto (fai anos, claro), animou un pouco a escoller tamén a lectura.
Como a tarde estaba fría, veu moi ben que acompañáramos a sesión dun chocolate quente e de algún que outro doce para conmemorar o Nadal que se aproxima xa.
Houbo disparidade de opinións con respecto ao libro, e houbo moitas máis respecto á interpretación da historia que nos conta nel. Dúbidas, especulacións, historias inacabadas, personaxes misteriosos...É o suxerente título do manga co que comezamos as sesións do Club de Lectura co grupo de alumnado da ESO. E para animarnos, nada mellor que unha comida de confraternización e benvida na cafetería do centro. A continuación pasamos xa a biblioteca para realizar a reunión.
Parece que comezamos con bo pé, porque maioritariamente gustou aínda que, coma sempre houbo queixas respecto ao final e é que non gustan os finais abertos.