Hoxe queremos compartir convosco a nosa última saída cultural, inspirada pola lectura do libro de Ledicia Costas "Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta". Quizás moitos descoñezades o feito de que Jules Verne estivo realmente en Vigo en dúas ocasións e que ademais lle dedicou un capítulo da súa afamada novela "20,000 leguas de viaxe submarina" á Ría de Vigo.
Tomando eses datos como punto de partida e a novela de Ledicia, realizamos un roteiro viaxando cara á ría de Vigo o pasado 20 de xuño.Deixamos a relación de puntos de interese visitados así como algunhas imaxes desa xornada. O noso percorrido foi este:
- Monumento a Jules Verne no peirao de Vigo.
- Visita guiada ás Illas de San Simón e San Antón: xogo de pistas para descobrir detalles da historia da illa (entre outros o paso de Jules Verne pola mesma marcado por dous elementos conmemorativos: placa na illa adicada ao Nautilus e monumento ao capitán Nemo e aos mergulladores do Nautilus na praia de Cesantes)
- Visita ao Museo Meirande (Centro de Interpretación da Batalla de Rande) en Redondela
- De volta a Vigo, achegámonos ao patrimonio cultural galego en relación co mar no Museo do Mar de Vigo. Alí puidemos tamén contemplar un dos artefactos mencionados na novela de Ledicia Costas: o primeiro submariño galego construído polo industrial Antonio Sanjurjo Badía.
Realmente unha viaxe que pagou a pena e que animamos a facer se non coñecedes a zona!.
Foi unha xornada na que todos aprendemos algo novo e na que a meteoroloxía non só nos dou unha tregua tras varias saídas pasadas por auga, senón que nos agasallou cun día esplendido. Tanto foi así que nos demos o luxo de xantar ao pé do Castelo de Soutomaior lembrando a Pedro Madruga.
Deixámosvos as dúas guías que elaboramos para a ocasión:
GUÍA: Polo Mar de Vigo.Tralas Pegadas de Jules Verne
GÚIA do MUSEO DO MAR de VIGO
Ningún comentario:
Publicar un comentario