Amosando publicacións coa etiqueta excursións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta excursións. Amosar todas as publicacións

11 de maio de 2014

VISITA A PORTO: 4-5 ABRIL 2014

"Alive and reading!!". Si. Aínda que non o pareza, tras catro meses de ausencia neste espazo, os Laretas e Laretiñas seguimos vivos e lendo a toda marcha. Certo é que tivemos o blog un tanto abandonado e non puidemos actualizalo reunión tras reunión pero tentaremos martervos informados de todas as actividades-que foron unhas cantas-que vimos de facer neste curso sen esquecer as que aínda nos quedan no tinteiro.

Xa fai un mes que estivemos por terras portuguesas, na cidade de Porto. Como vedes no programa, a estancia prometía: unha inmersión de cheo e durante 2 xornadas na cultura lusa, na súa literatura, gastronomía, arte, música ... .
Unha vez máis a choiva acompañou todo o venres a nosa viaxe, non fora a ser que nos entrara morriña do noso propio orballo, do que xa levamos unha boa ración nos últimos meses. O certo é que a auga si nos impediu gozar plenamente da visita o primeiro día e obrigounos a cancelar algunha das actividades previstas. Aínda así, como veredes nas presentacións, a acollida que nos deron no albergue (o Gallery Hostel na rúa Miguel Bombarda) e a oferta de actividades alí dentro (música, comida, lectura, boa compañía...) compensaron a molladura dese día.

O sábado 5 de abril foi máis benévolo, meteoroloxicamente falando. O Palacio da Bolsa, a estación de Sao Bento, o Café Majestic, o Mercado do Bolhao e finalmente Gaia e a historia do viño de Porto deixáronnos un estupendo sabor de boca e gañas de repetir a experiencia. 


CLUB LECTURA LARETAS VISITA PORTO (4-5 abril 2014) 



Deixamos un poemiña, incluído nesta pequena selección poética sobre Oporto, que resume moi ben o espíritu do grupo nesta escapada.

No meio de conversa
Ler alguns poemas
De um autor qualquer
E o som das gaivotas
Dão-nos a música perfeita
Para a amizade ser descoberta…
Troca-se olhares
Opiniões
Deixa-se vaguear
As emoções
E as águas do rio
Vão gravando na sua corrente
Mais dois seres
A descobrirem-se
Ao mesmo tempo
Olhando o rio Douro…

Emília Costa


 


16 de xuño de 2012

OS LARETAS en OURENSE

A lectura de "As sete mortes" neste curso ofreceunos a disculpa perfecta para viaxar a Ourense. Podería ter sido Lugo, A Garda, Fisterra, O Coural, A Coruña ou calquera dos escenarios nos que se desenvolve a novela de Carlos Vila Sexto, pero esta vez tocoulle a Ourense, unha cidade aínda descoñecida para moitos.  Botamos en falla a tres dos membros do club, Alba, Tatiana e Amparo, que por distintos motivos non puderon acompañarnos.
Ourense non nos defraudou: recibiunos cun tempo espléndido (coa temperatura xusta) que nos permitiu disfrutar da visita a parte do seu rico patrimonio:
  • Contemplamos a Ponte do Milenio e percorrimos preto de 500 escalóns poñendo a proba a nosa forma física (alguén andivo nos días seguintes cunhas tremendas maniotas nos xemelgos).
  • Achegámonos ás Burgas, as fontes termais que dan nome á cidade.
  • Percorrimos o casco histórico: a Praza Maior, Praza do Trigo, Catedral....
  • Rematamos a mañá visitando o Museo do Tren, no Centro Cultural da Deputación de Ourense. Alí, da man de Curros Enríquez e do guía do museo, coñecimos a historia da chegada do tren á cidade e admirámonos coa colección de preto de 4000 pezas reunidas por Manuel Fernandez Pacheco, un madrileño que iniciou a súa afeción polos trens despois de recibir como regalo de seu pai un tren de xoguete "PAYÁ".
  • Para rematar unha xornada redonda, desprazámonos como auténticos turistas no Tren das Termas que nos levou a Outariz, onde xantamos e nos puxemos a remollo nas súas pozas termais. Saímos renovados e coas baterías cargadas para seguir o vindeiro ano reuníndonos ó redor dos libros (e da comida).
Para dar fe de todo este percorrido, compartimos convosco estas fotos que recollen algúns dos momentos da visita.
Aquí vos deixamos tamén o poema de Curros Enríquez :
"Na chegada a Ourense da primeira locomotora -1881-"


Velaí ven, velaí ven avantando
comaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saludaina, rapaces e vellos!
Por onde ela pasa
fecunda os terreos,
espértanse os homes,
frolecen os eidos.
Velaí ven, velaí ven tan oupada,
tan milagrosiña, con paso tan meigo,
que parece unha Nosa Señora,
unha Nosa Señora de ferro.
Tras dela non veñen
abades nin cregos;
mais vén a fartura
¡i a luz i o progreso!

Catedral, demagogo de pedra,
dun pobo fanático erguida no medio,
repinica esas chocas campanas
en sinal de alegría e contento.
Asocia esas voces
ó son dos pandeiros,
¡ás santas surrisas
de terras e ceos!
E ti, río dos grandes destinos,
que os himnos ensaias dos trunfos ibéricos,
requeimáda-las fauces de sede
vén o monstro a beber no teu seo.
Bon samaritano,
dálle auga ó sedento;
que a máquena é o Cristo
dos tempos modernos.