Amosando publicacións coa etiqueta infancia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta infancia. Amosar todas as publicacións

20 de out. de 2026

Panza de Burro

Panza de Burro é, en realidade, un fenómeno ben coñecido na Mariña lucense que provoca a miúdo o peche da Autovía do Cantábrico no alto do Fiouco. É o nome que se lle dá en Canarias a este fenómeno meteorolóxico polo cal se concentran as nubes á media ladeira nas vertentes de barlovento. 

Panza de Burro, é tamén o libro de Andrea Abreu que tanto nos deu para falar onte na reunión do club de lectura de adultos. Podemos dicir que non é un libro que deixe indiferente. Xerou un intenso debate entre as persoas defensoras e as detractoras.

O primeiro escollo, á conta da lingua empregada. Hai quen considera que dificulta a lectura ben pola complexidade ou ben polo rexeitamento que produce o vocabulario groseiro. Aínda así, foi ben curioso descubrir como moitas das expresións orais canarias teñen puntos de conexión coa oralidade rural galega. 

O segundo, tivo que ver coa propia historia en si. Hai a quen lle pareceu atractiva a historia destas dúas rapazas (a pesar da súa dureza) e a quen lle resultou desagradable pola crueza e a escatoloxía da que fai gala o texto.

Todo un acerto para un club de lectura!

PD. Por se non vos quedou claro na foto, confírmovolo. A próxima lectura é... O club da Calceta de María Reimóndez!!

14 de out. de 2025

Extraordinaria!

Extraordinaria resultou a xuntanza que tivemos para conversar sobre a obra Extraordinario de Antón Lopo.

Extraordinaria pola cantidade de xente que nos reunimos; 20 persoas debido ás novas incorporacións de profesorado, de persoal non docente e de amizades.

Extraordinaria foi a cháchara (un pouco caótica ás veces, todo hai que dicilo)  e extraordinarios foron os temas de conversa que saíron a raíz da lectura: o retorno á familia, os recordos de infancia, a complexidade das relacións familiares....

Resumindo. Un día extraordinario!