20 de out. de 2026

Panza de Burro

Panza de Burro é, en realidade, un fenómeno ben coñecido na Mariña lucense que provoca a miúdo o peche da Autovía do Cantábrico no alto do Fiouco. É o nome que se lle dá en Canarias a este fenómeno meteorolóxico polo cal se concentran as nubes á media ladeira nas vertentes de barlovento. 

Panza de Burro, é tamén o libro de Andrea Abreu que tanto nos deu para falar onte na reunión do club de lectura de adultos. Podemos dicir que non é un libro que deixe indiferente. Xerou un intenso debate entre as persoas defensoras e as detractoras.

O primeiro escollo, á conta da lingua empregada. Hai quen considera que dificulta a lectura ben pola complexidade ou ben polo rexeitamento que produce o vocabulario groseiro. Aínda así, foi ben curioso descubrir como moitas das expresións orais canarias teñen puntos de conexión coa oralidade rural galega. 

O segundo, tivo que ver coa propia historia en si. Hai a quen lle pareceu atractiva a historia destas dúas rapazas (a pesar da súa dureza) e a quen lle resultou desagradable pola crueza e a escatoloxía da que fai gala o texto.

Todo un acerto para un club de lectura!

PD. Por se non vos quedou claro na foto, confírmovolo. A próxima lectura é... O club da Calceta de María Reimóndez!!