9 de nov. de 2026

MUVI e Parque dos sentidos

Como habitantes de Galicia, vamos ter que comezar a valorar máis a auga. O feito de que nos últimos nove anos xa levemos tres prealertas por sequía (e a deste ano xa roza a alerta) deberíanos facer apreciar este elemento fundamental para a nosa vida.

Como este ano a temática da biblioteca está relacionada coas distopías, utopías e outras ias, decidimos arrancar cunha lectura relacionada co tema da auga. Certo é que xa foi lectura fai uns anos pero ninguén do grupo actual pertencía, daquela, ao club de lectura.

Como o Club de Ciencia organizou o martes da pasada semana unha excursión ao MUVI (o museo do videoxogo) e máis ao Parque dos sentidos en Marín pareceunos que acompañalos (a maior parte do alumnado está nos dous clubes) daba pé a falar, entre outras cousas, da importancia da auga xa que había un estanque, unha lagoa e ata un parafuso de Arquímedes!

E digo había, porque por causa da celebración do Samaín e do magosto pecharan algunhas seccións do parque, moitos sitios estaban sen limpar e, ademáis, baleiraron o estanque para colocar no espazo os asadores de castañas. Todo o noso gozo nun pozo! En fin. Tivémonos que conformar con algúns elementos da ruta sensorial e co gran tobogán! Pois nin tan mal!