17 de mar. de 2025

Stand by me

Por duración, debido ao tempo limitado que temos ao mediodía, escollemos un filme dos anos 80, Stand by me de Rob Reiner, un clásico do cine de aventura e adolescencia, baseado nunha novela do escritor de misterio e terror, Stephen King.

Foi curioso descubrir, pola reacción da rapazada, o politicamente incorrectas que poden resultar hoxe en día algunhas películas (o vocabulario, as actitudes, o comportamento, as maneiras dos protagonistas....) aínda que isto non lle resta validez á obra.

Un grupo de rapaces decide ir en busca do corpo doutro rapaz que saben morto á beira da vía do tren. Atoparán o corpo pero tamén se atoparán a eles mesmos nunha viaxe na que descubrirán e terán que loitar contra os seus medos, as súas teimas e as expectativas que pesan sobre cada un deles.

Vale a pena vela aínda que só sexa pola música e máis por esa conversa entre Gordie e Chris, dúas das personaxes protagonistas:

- Crees que soy un bicho raro?

- Y que? Todo el mundo lo es!



11 de mar. de 2025

Asasinato na Casa Rosa

Cambiamos de tercio e botámonos de cabeza á novela negra. Lemos a última obra de Arantza Portabales, Asasinato na Casa Rosa. Gustou o libro e gustou o xénero a pesar de ser o libro máis extenso que lemos ata o momento. Pero concordamos en que resultou sinxelo de ler e que se mantivo o misterio ata o final.


O poder dos cartos, o poder da familia, a desigualdade na xustiza, os intereses e as motivacións de cadaquén, as diferentes situacións persoais... deron para falar longo e tendido sobre o libro.
Ao final resulta que ser rico non é tan bo como puidera parecer!!


17 de feb. de 2025

O Segredo De Al´eume

Coa falta de parte do alumnado (unha por enfermidade, pobre, e outra por estar de viaxe en París, non pobre) tivemos a sesión de reunión do club de lectura deste trimestre. Eliximos un libro que mestura intriga e aventura, que nos resultou sinxelo e entretido e que gustou maioritariamente. O segredo de Al´eume de Pilar Ortega.

Narra a historia dunha adolescente que agocha un segredo (aínda que somos coñecedores del dende o principio) e de como intenta resolvelo buscando outro segredo de características ben diferentes.

Deu para comentar sobre as actitudes das persoas adultas do relato, sobre as mentiras, os ciumes, a carraxe, os medos, a honestidade, o valor da amizade, a utilización do móbil, as redes sociais e as cousas que nos parecen incribles na ficción pero que a realidade supera, as veces, con creces.


4 de feb. de 2025

Arrugas

Desta volta estrenámonos no mundo da nóvela gráfica posto que parte dos integrantes do grupo, nunca lera ningunha. Eliximos para isto Arrugas de Paco Roca, unha historia que, por sinxela, non deixa de ser moi emotiva.

Que o protagonista fora ingresado nunha residencia a causa do Alzheimer fixo que gran parte do debate se centrara neste tema xunto coa preocupación polas enfermidades relacionadas coa vellez. Os distintos tipos de relacións entre as familias, a falta de espacios e actividades dirixidas á xente maior, a ausencia de políticas serias respecto ao futuro dun continxente de poboación que medra cada día máis, o envellecemento activo... Quizá a idade media do grupo levounos a debatir longa e amplamente.

14 de xan. de 2025

Abel Tomé

Onte visitounos Abel Tomé, autor da última obra lida, A Noite do Oso, oriúndo do concello e, ademáis, exalumno dos primixenios tempos do centro. Convidamos e participou xente allea ao centro que estaba interesada na charla posto que tamén lera o libro.

Case non puido nen presentalo porque o asaltamos, case dende o principio, con todas aquelas dúbidas derivadas das nosas especulacións, teorías, hipóteses e conxeturas que nos xurdiran segundo iamos lendo o libro e que xa debatíramos apaixonadamente na reunión anterior.

Quedou patente a importancia da interpretación que as persoas que len un libro fan, á hora de darlle unha volta a todo aquilo que rodea a historia principal.

Aínda así quedou contento que prometeu volver!