17 de dec. de 2024

Robot Dreams

A amizade e a súa importancia reflíctea bastante ben unha pelicula do ano pasado que gañou premios en diferentes certames como o festival de cine de Sitges ou nos premios do cine europeo, Forqué, Goya ou Feroz.

Asi como nos animamos co Manga, así tamén nos animamos co cine de animación: Robot Dreams que narra a relación de amizade (as complicacións e a evolución) entre un can e un robot. Un acerto aínda que o feito de ser muda non gustou a todo o mundo.




12 de dec. de 2024

A Noite do Oso

A noite do Oso de Abel Tomé, foi o libro escollido como segunda lectura do Club de Lectura de adultos. O feito de que o autor sexa outiense e de que estudiara no propio instituto (fai anos, claro), animou un pouco a escoller tamén a lectura.

Como a tarde estaba fría, veu moi ben que acompañáramos a sesión dun chocolate quente e de algún que outro doce para conmemorar o Nadal que se aproxima xa.

Houbo disparidade de opinións con respecto ao libro, e houbo moitas máis respecto á interpretación da historia que nos conta nel. Dúbidas, especulacións, historias inacabadas, personaxes misteriosos...
Cando nos visite o autor vai ter que contestar a moitas preguntas!


18 de nov. de 2024

Los Dioses Mienten

É o suxerente título do manga co que comezamos as sesións do Club de Lectura co grupo de alumnado da ESO. E para animarnos, nada mellor que unha comida de confraternización e benvida na cafetería do centro. A continuación pasamos xa a biblioteca para realizar a reunión.

Parece que comezamos con bo pé, porque maioritariamente gustou aínda que, coma sempre houbo queixas respecto ao final e é que non gustan os finais abertos.


Unha boa e dura historia, sobre todo, pola situación na que viven dous dos protagonistas. O cancro, a morte, o abandono, a ocultación das verdades, a importancia da familia e a comunicación, a responsabilidade no fogar, o consumismo, a soidade, o medo, o amor, a tristeza... son temas que trata o manga e sobre os que debatimos na reunión. Pasouse o tempo voando.
A ver se acertamos tamén co seguinte.


11 de nov. de 2024

Concha Blanco

Hoxe tivemos a sorte de contar coa presenza da autora do primeiro libro escollido para o Club de Lectura de adultos, Berta de Concha Blanco.
Aínda que xa debulláramos abondo a obra na sesión anterior, contestou a todas aquelas dúbidas que nos quedaran sen resolver.
Falounos tamén da súa labor como escritora e de que xeito se lle ocorrian os temas para os seus libros e en que se inspiraba para idear calquera historia. Ao preguntarlle pola edición, aclarou que esta estaba completamente controlada pola editorial e que nunca contaban coa xente que escribía para decidir a portada ou as ilustracións dos libros.
Entre o chocolate e a conversa pasamos unha boa tarde.
Grazas Concha por adicarnos este rato da túa vida.

29 de out. de 2024

Primeira sesión con Berta

Onte, o grupo Laretas de adultos, reunímonos para conversar sobre o libro proposto: Berta de Concha Blanco.

A conversa maioritaria centrouse sobre a protagonista do libro e todas as circunstancias que a rodeaban: o marido, os fillos, a vida na aldea, os soños, as súas arelas... todo aquilo que a arrastrou a ese final sorprendente e inesperado. Chegamos a conclusión de que, hoxe en día e a pesar do tempo transcorrido, aínda seguen a existir moitas Bertas e moitos Abilios.


Tamén aproveitando que un dos protagonistas secundarios traballaba nun serradoiro falamos da importancia económica que, historicamente, tivo esta actividade nun concello como o de Outes. Aproveitamos para facer un marcapáxinas cos serradoiros que existiron no Concello. Dos 16 só continúan coa actividade dous.

Afortunadamente os cafés, as infusións e os bombóns axudaron a adozar un pouco a sesión.

Quedamos con ganas de que veña a autora para falar con ela do libro.

14 de out. de 2024

Un manga para os Laretas da ESO

O club de lectura da ESO, está conformado este ano por oito alumnas/os. Hai variedade porque temos representación de todos os cursos e temos paridade en canto que hai o mesmo número de nenos que de nenas participantes. Non acontece o mesmo co profesorado colaborador que continuamos a ser todo mulleres.

A primeira lectura escollida para este curso é a de Los Dioses Mienten de Kaori Ozaki. A ver que tal se dá isto do manga entre as novas incorporacións do club!

30 de set. de 2024

Comezamos....

Comezamos co Club de Lectura este curso e, como novidade, conseguimos facer un grupo de lectura de adultos. Entre profesorado, ex-profesorado, persoal non docente do centro e ex-alumnado de adultos de noite, reunímonos 16. Un bo número para comezar. Sigue aberto a que máis xente se incorpore cando as obrigas laborais ou familiares o permitan.

Non acabamos de definir a periodicidade das reunións porque entendemos que debe estar en base á esixencia da lectura que vaiamos realizar.

 





A primeira elixida é Berta de Concha Blanco. A reunión terémola o 28 deste mes para falarmos do libro e, afortunadamente, imos contar coa visita da autora para o 11 de novembro.

Parece que a cousa vai encamiñada. Iremos informando.

8 de xul. de 2024

GUÍAS de LECTURA: curso 2023-2024

Por se fosen de utilidade deixamos os enlaces aos materiais elaborados este curso: as guías de Lectura e da viaxe realizada polo club.

GUÍAS dos LIBROS

GUÍA DA VISITA CULTURAL

28 de xuño de 2024

CAMIÑADA: San Cibrao e Viveiro

Para cumprimentar a autora do derradeiro libro de lectura deste curso, decidimos visitar a súa terra, San Cibrao e máis a cidade na que se desenvolve a obra, Viveiro.

En San Cibrao visitamos o museo provincial do mar, vimos a Maruxaina, a mina da II guerra mundial, o maltratado castro, o antigo porto baleeiro de Morás e o parque da fabricación de Dolos.


En Viveiro aparte da zona vella mergullámonos no ambiemte do Resurrection Fest á hora da comida e despois, como actividade lúdica trasladámonos ao parque multiaventura para poñer a proba o noso equilibrio desprazándonos polas árbores e lanzándonos en tirolina.
Un día agotador.

17 de xuño de 2024

As vantaxes de ser un marxinado


É dificil atopar unha pelicula que trate o tema do acoso escolar e que non resulte demoledora para o alumnado, para o profesorado e para as familias. Por isto escollemos unha na que a positividade xa emana do seu contraditorio título: "As vantaxes de ser un marxinado". O filme dá pé a esperanza e ao optimismo a pesar dos problemas propios da adolescencia ou dos que nos veñen impostos polas situacións que vivimos cotidianamente


Nada como a amizade (boa, non numerosa) para conseguir levar adiante todo canto se nos presente na vida.

13 de maio de 2024

IRENE REGA JUL e "A Malferida"

Para a derradeira sesión lectora do curso tivemos a sorte, grazas á xestión de David Cortizo da editorial Galaxia, de poder contar coa autora do libro que lemos nesta ocasión: "A Malferida".

A pesar da longa viaxe desde San Cibrao a autora, Irene Rega Jul, non dubidou en contestar ás preguntas e inquedanzas do alumnado e de compartir con nós, despois de escoitar as nosas, as súas motivacións e reflexións respeito ao libro: a escolla do lugar onde se desenvolve a acción, as diferentes temáticas que nel podemos atopar, o porque do tema central, a importancia do papel de cada unha das persoas protagonistas...


O coloquio xirou fundamentalmente en torno á temática do acoso escolar e puxéronse sobre a mesa as diferentes reflexións das persoas implicadas neste feito: alumnado, profesorado e familias.
Deu para un bo debate e chegamos á conclusión de que para o alumnado é dificil comunicalo e evitalo, para o profesorado é complicado percibilo e para as familias é complexo xestionalo. Moito máis agora que a maior parte destas actuacións realízanse a través das redes sociais. Tamén se nos ocorreron posibles maneiras de enfrontalas.
Un tempo ben invertido!.

18 de mar. de 2024

"Caída en picado"

Como o eixo de traballo deste ano da biblioteca é sobre a Auga e para o venres hai planificado a visualización de diferentes videos con esta temática, dende o club de lectura quixemos destacar outro dos temas importantes do libro lido neste trimestre, o da distopía.
E para isto decantámonos por ver un episodio de Black Mirrow, unha serie que en palabras do seu propio creador reflicte á sociedade na que podemos chegar a vivir se, tecnolóxicamente, somos zoupóns.


Eliximos para ilustrar esta realidade o episodio chamado "Nosedive" que mostra ata que punto o móbil e as redes sociais poden chegar a controlar e determinar a nosa vida.
Un pouco de miedito si que dá!

26 de feb. de 2024

Be Water

Be Water de Antía Yáñez é unha distopía que mostra unha sociedade xerárquica e desigual baixo un réxime político totalitario no que o elemento de control e ese que resulta imprescindible para a vida humana, a auga. Auga que escasea debido ao Gran Cataclismo, que fixo que a humanidade se tivera que refuxiar baixo terra en estruturas elípticas semellantes a colmeas.


Pero en toda distopía sempre hai lugar para a esperanza, representada por as dúas mulleres que ligan a todos os protagonistas do libro: a Avoa que viviu na "era superficial" e a bisneta que vivirá sen dúbida de novo na superficie.
O ecoloxismo, o totalitarismo, a desigualdade social e de xénero, os estereotipos, o papel da muller, a transmisión de valores, a maternidade adolescente, o sexo por obriga ou por pracer, ... son só algúns dos temas que trata a obra en maior ou menor medida.
Hai a quen lle gustou máis e a quen lle gustou menos. Sexa como for, deu para falar un bo rato.