17 de feb. de 2025

O Segredo De Al´eume

Coa falta de parte do alumnado (unha por enfermidade, pobre, e outra por estar de viaxe en París, non pobre) tivemos a sesión de reunión do club de lectura deste trimestre. Eliximos un libro que mestura intriga e aventura, que nos resultou sinxelo e entretido e que gustou maioritariamente. O segredo de Al´eume de Pilar Ortega.

Narra a historia dunha adolescente que agocha un segredo (aínda que somos coñecedores del dende o principio) e de como intenta resolvelo buscando outro segredo de características ben diferentes.

Deu para comentar sobre as actitudes das persoas adultas do relato, sobre as mentiras, os ciumes, a carraxe, os medos, a honestidade, o valor da amizade, a utilización do móbil, as redes sociais e as cousas que nos parecen incribles na ficción pero que a realidade supera, as veces, con creces.


4 de feb. de 2025

Arrugas

Desta volta estrenámonos no mundo da nóvela gráfica posto que parte dos integrantes do grupo, nunca lera ningunha. Eliximos para isto Arrugas de Paco Roca, unha historia que, por sinxela, non deixa de ser moi emotiva.

Que o protagonista fora ingresado nunha residencia a causa do Alzheimer fixo que gran parte do debate se centrara neste tema xunto coa preocupación polas enfermidades relacionadas coa vellez. Os distintos tipos de relacións entre as familias, a falta de espacios e actividades dirixidas á xente maior, a ausencia de políticas serias respecto ao futuro dun continxente de poboación que medra cada día máis, o envellecemento activo... Quizá a idade media do grupo levounos a debatir longa e amplamente.