17 de mar. de 2025

Stand by me

Por duración, debido ao tempo limitado que temos ao mediodía, escollemos un filme dos anos 80, Stand by me de Rob Reiner, un clásico do cine de aventura e adolescencia, baseado nunha novela do escritor de misterio e terror, Stephen King.

Foi curioso descubrir, pola reacción da rapazada, o politicamente incorrectas que poden resultar hoxe en día algunhas películas (o vocabulario, as actitudes, o comportamento, as maneiras dos protagonistas....) aínda que isto non lle resta validez á obra.

Un grupo de rapaces decide ir en busca do corpo doutro rapaz que saben morto á beira da vía do tren. Atoparán o corpo pero tamén se atoparán a eles mesmos nunha viaxe na que descubrirán e terán que loitar contra os seus medos, as súas teimas e as expectativas que pesan sobre cada un deles.

Vale a pena vela aínda que só sexa pola música e máis por esa conversa entre Gordie e Chris, dúas das personaxes protagonistas:

- Crees que soy un bicho raro?

- Y que? Todo el mundo lo es!



11 de mar. de 2025

Asasinato na Casa Rosa

Cambiamos de tercio e botámonos de cabeza á novela negra. Lemos a última obra de Arantza Portabales, Asasinato na Casa Rosa. Gustou o libro e gustou o xénero a pesar de ser o libro máis extenso que lemos ata o momento. Pero concordamos en que resultou sinxelo de ler e que se mantivo o misterio ata o final.


O poder dos cartos, o poder da familia, a desigualdade na xustiza, os intereses e as motivacións de cadaquén, as diferentes situacións persoais... deron para falar longo e tendido sobre o libro.
Ao final resulta que ser rico non é tan bo como puidera parecer!!