23 de abr. de 2026

A moi fantástica visita á mina e ao zoo

Pois aproveitando a visita que estaba prevista para o PDC do noso centro e unha vez que nos enteramos de que ían visitar, entre outras cousas, o parque zoolóxico de Marcelle e posto que limos o libro de Jöel Dicker, decidimos tentar á sorte (a ver se nos ía pasar como no libro) e unirnos aos nosos compañeiros. Así que adiantamos a tradicional excursión do Club de Lectura a este mes.

Pola mañá fumos á Pontenova visitar a mina Consuelo, a única de Galicia onde se pode acceder (con guía) a unha das galerías. Dende os fornos do centro da Pontenova o guía, Jorge, explicounos a implicación e a importancia do descubrimento do mineral para o pobo e a comarca e máis a historia ata o peche da actividade na mina. No interior xa e mentres descendíamos ao nivel -1, foinos falando fundamentalmente de cuestións xeolóxicas. Para rematar a ruta lanzámonos na tirolina que nos levou a través de túneles ao forno que queda en pé de Boulloso. 

Despois dunha máis que merecida comida e doutra boa cabalgada no autobús chegamos ao parque zoolóxico de Marcelle en Outeiro de Rei. Neste caso o guía, David, contounos moitísimas cousas sobre os animais que alí atopamos dun xeito ben ameno tamén. Rematamos a faena cunha actividade de tiro con arco.

Tivemos moita sorte co tempo porque esperou case a que subiramos ao autobús de volta para poñerse a chover. Foi un día longo e canso, pero moi ben aproveitado, fantástico e divertido.



Ningún comentario: