19 de out. de 2013

CURSO 2013-14:CALENDARIO DE REUNIÓNS

A modo de recordatorio deixamos aquí as datas previstas para as nosas xuntanzas nos vindeiros meses.
Lembrade que pode haber modificacións debido a outras actividades do calendario escolar, polo que teredes que estar atentos ós avisos!!

1º TRIMESTRE 
  • 1ª REUNIÓN: 28 OUTUBRO
  • 2ª REUNIÓN: 25 NOVEMBRO
  • 3ª REUNIÓN: 16 DECEMBRO (Cine-CLUB)
2º TRIMESTRE 
  • 4ª REUNIÓN: 20 XANEIRO
  • 5ª REUNIÓN: 24 FEBREIRO
  • 6ª REUNIÓN: 31 MARZO
  • 7ª REUNIÓN: 7 ABRIL (Cine-CLUB)
3º TRIMESTRE 
  • 7ª REUNIÓN: 28 ABRIL
  • 8ª REUNIÓN: 26 MAIO

OLA A TODOS DE NOVO!

Pasaron moitas semanas e moitas cousas dende o noso último contacto. Rematou o curso e despedimos ó grupiño de lectores de 4º de ESO, iniciadores do club  no IES Poeta Añón fai tres anos. Dende aquí damos as grazas a todos eles por ter compartido connosco tan bos momentos: LUCÍA, ADRIÁN, AGUSTÍN, JULIÁN, SERGIO, LARA, ANDREA, NEREA E TAMARA.

CURSO 2011-2012

CURSO 2012-2013

8 de xuño de 2013

TRILOXÍA "DIVERGENTE" de Verónica Roth

Deixámosvos aquí a recomendación de Alba Calo de 2ºA, membro do Club e incansable lectora.



"DIVERGENTE"

"Encantoume dende a primeira páxina.É un libro moi fácil de ler. Paseime toda a noite en vela lendo xa que é un libro que engancha, parecido a "Los juegos del hambre" pero con outras bases. Na miña opinión é mellor este. Ë un libro cheo de acción pero ante todo unha historia de amor preciosa. Recoméndollo a todo o mundo ó que lle guste ler: asegúrovos que vos vai encantar".

"INSURGENTE"

"Debo dicir que me gustou máis a primeira parte, non porque esta teña algunha carencia, todo o contrario, senón porque os protagonistas, a parella sentimental, sempre se están pelexando; iso si, dicir que acaban reconciliándose.
Con máis acción e intriga que a primeira entrega desta fabulosa triloxía, non me disgustou para nada".

PERSONAXES e MÁIS INFORMACIÓN
"O meu personaxe favorito é Tobías, o mozo da protagonista, tamén coñecido como Cuatro, pero non vos desvelarei o segredo que garda ese nome: tedes que descubrilo lendo o libro. Tamén me guatou moito o personaxe de Tris, a protagonista, porque a medida que vas lendo podes observar que crece moito como persoa, tanto a nivel emocional como  a nivel intelectual.
A terceira entrega sairá a finais deste ano, mentres que a adaptación á gran pantalla púxose en marcha este mesmo mes, polo que espero con impaciencia  o 22 de outubo deste ano para o último libro da triloxía e o 21 de abril do ano que vén para poder ver a película."

21 de maio de 2013

INTERCAMBIO de CLUBS DE LECTURA (2ª parte): Visita do IES Leliadoura a Outes

O pasado día 6 de maio tivemos a ocasión de acoller no noso centro ós membros do Club de Lectura do IES Leliadoura de Ribeira, como parte do intercambio que iniciáramos semanas antes e do que vos informamos tamén neste blog.

Tras amosarlles o noso centro e instalacións, compartimos xantar e posteriormente falamos da experiencia que supón formar parte dun club de lectura. Houbo tamén tempo para comentar e recomendar lecturas, como xa fixéramos no anterior encontro.
Posteriormente, chegou o momento de amosar algúns dos  recunchos máis fermosos do concello de Outes. Fixemos unha pequena guía con información dos lugares a visitar pero lamentablemente, a choiva non nos dou tregua e nos acompañou durante toda a viaxe a Pontenafonso, ó Pazo do Tambre e á praia de Broña.  A auga que caía, aparte de non permitirnos realizar o percorrido planificado que incluía parte do Roteiro Añón, obrigounos a permanecer sentados dentro do bus a meirande parte do tempo. Aquelo de que "nunca choveu que non escampara" non se cumpriu ese día. Foi unha auténtica mágoa!. Sentímolo especialmente polos nosos invitados.

Véndolle o lado positivo, esa imposibilidade de realizar a visita en boas condicións quizás sexa a escusa perfecta para regresar a Outes e velo radiante noutras condicións meteorolóxicas máis benévolas.
Como "souvenir" da ocasión, fixemos este mini-vídeo coas escasas fotos que tomamos a risco de afogar as cámaras en tanta auga. Esperamos que vos guste.


23 de abr. de 2013

A NOSA HOMENAXE Ó LIBRO: encontro de CLUBS DE LECTURA: IES LELIADOURA de Ribeira e IES POETA AÑÓN de Outes

Onte estivemos de celebración. Adiántamonos unhas horas á conmemoración do DÍA DO LIBRO  para compartir co Club de Lectura do IES Leliadoura o xantar, as nosas experiencias lectoras e o seu fantástico patrimonio natural. Esta é a crónica desa xornada
  • Os Laretas e Laretiñas fomos recibidos polo vicedirector, Jose Antonio- para que logo digan que os equipos directivos non se implican!-. Foi un "cicerone" de luxo que aparte de amosarnos as instalacións invitounos a visitar unha interesante mostra da II República con materiais múltiples (libros, cartaces e obxectos da época entre outras moitas cousas), mostra que despertou a nosa curiosidade por ese período histórico.
  • Chegou despois a hora do xantar e posteriormente, tras perder a vergoña inicial, a rapazada comentou as súas lecturas favoritas, tanto aquelas propostas polo club como as que escolleron a nivel persoal. As coordinadoras tomamos boa nota do que escoitamos, porque sabemos ben o complicado que é dar cun libriño que agrade a meirande parte dos membros do club. Claro que tamén sabemos que esa lectura é moitas veces un fío do que tiramos, unha excusa para charlar das nosas vivencias persoais. Vimos tamén os seus PASAPORTES LECTORES personalizados. Que boa idea para anotar impresións sobre os textos lidos ou para recoller unha frase que nos gustara dun determinado libro!
  • Como colofón, os nosos anfitrións leváronnos a un dos escenarios de Domingo Vilar na novela "A praia dos afogados". Arrecendimos o mar de Aguiño, da ría de Arousa, e finalmente ascendimos ó mirador da Rá onde quedamos coa boca aberta, literalmente, contemplando toda a liña de costa dende Fisterra ata A Garda.
Ós nosos anfitrións temos obrigadamente que darlles as GRAZAS por todo e por permitirnos gozar con eles dun fantástico día (podedes ler os detalles desta xornada tamén no blog da súa biblioteca clicando neste enlace.)
Quedan aquí algunhas imaxes desta xornada na presentación que tedes a continuación
AH!! E a festa continuará porque o día 6 de maio seremos nós, o Club Laretas, os que acollamos ós Leliadouros. Esperamos estar á altura!!.


23 de abril: DIA DAS LETRAS

Non podemos deixar escapar a ocasión de lembrarvos a todos que hoxe é a nosa gran festa, a dos lectores, a das persoas que amamos os libros. Porque como dí AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ, un dos nosos autores de cabeceira "ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ". 
Co seu permiso imos reproducir aquí, parte do texto publicado nun cartaz que foi deseñado para a conmemoración do Día das Bibliotecas de 2008 e foi ilustrado por Xosé Cobas.

ABRE OS LIBROS e mergúllate na auga da vida que abrolla irreprimible desde as súas páxinas. Déixate arrastrar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes. Non esquezas nunca o abraio que experimentamos nos anos da infancia, cando se nos revela a dimensión máxica que teñen as palabras e descubrimos que as páxinas dos libros poden conter o mundo enteiro.
Como as labregas que se afanan na rebusca de espigas entre os regos despois da ceifa, tamén os escritores recollen as palabras unha a unha e elaboran con elas o humilde pan dos seus textos. Deste xeito fan que cheguen ata nós, sempre novas e sempre sorprendentes, pois os libros posúen a insólita capacidade de revivir e reinventarse en cada nova lectura.
Todas as persoas necesitamos as historias, os soños, as palabras, talvez sexa unha característica inscrita no ADN da humanidade. Necesitámolas coma o comer, como beber auga, xaora que si. Para entendermos o mundo e para entendernos a nós mesmos, para soñar outros destinos, para loar os dons que a vida nos dá. Sabemos que non poderiamos vivir sen o alento da imaxinación e da creatividade, sen as palabras que expresan a variedade e a beleza dos nosos desexos e dos nosos sentimentos.
Por todo iso, abramos os libros. Eles conteñen os soños, as paixóns, os medos, os amores, as risas. Nas súas paxinas habita a inmensa variedade de sentimentos e experiencias da humanidade, das persoas que viven agora en calquera lugar do mundo e das que desapareceron hai moitos anos.

10 de abr. de 2013

RESUMO DOS ÚLTIMOS ENCONTROS

Aínda que non déramos sinais de vida no último par de meses, os Laretas e Laretiñas andivemos a descubrir novas lecturas e a disfrutar co cine.
Na nosa reunión de febreiro dous foron os libros propostos, dentro da literatura escrita en galego:
"Corazón de chocolate" de Jaureguízar (lectura para os máis novos do club).

 
 
 e "As cousas claras" de Neira Cruz (para os membros do club de  4º ESO).

Unha vez máis, os nosos lectores amosaron disparidade de criterios á hora de valorar as lecturas. Houbo a quen lles gustaron pero tamén a quen non... algo que tampouco nos debe de sorprender dado que cada lector ten os seus propios criterios e os seus propios gustos. Non hai que esquecer que, ó fin e ó cabo, pertencer a un club de lectura é, entre outras moitas cousas, ir construíndo a nosa propia bagaxe lectora.
Por se alguén se anima a ler calquera destes dous libros, deixámosvos os enlaces as guías de lectura que elaboramos para o club.
 Non todo foron lecturas nos últimos meses. Na xuntanza do 18 de marzo decidimos ir preparándonos para mergullarnos no mundo do suspense e do misterio de Agatha Christie, autora de "Dez Negriños" o noso próximo libro. Para elo compartimos cos nosos amigos invitados (cada membro do club invitou a un rapaz ou rapaza do centro) o xantar dese luns e a proxección do clásico "Asesinato en el Orient Express". Aquí tedes algunhas fotos desa xornada e dos outros encontros dos membros do club neste trimestre:

12 de xan. de 2013

PRÓXIMA REUNIÓN: 21 DE XANEIRO


As nosas lecturas para a vindeira xuntanza son:
  •  para os Laretiñas de 1º e 2º ESO o libro de Jordi Sierra i Fabra
 

  • para os Laretas de 4º ESO a segunda novela de Khaled Hosseini
 


ANO NOVO, ILUSIÓNS NOVAS

Xa estamos de volta. O certo é que ultimamente temos o blog do club un tanto abandoado así que a ver se incluímos entre os propósitos para o 2013 o de tentar mantelo ó día coas actividades que levamos a cabo e recomendacións de lectura.

Dende o noso último post xa tivemos ocasión de reunir a Laretiñas e Laretas para falar das  lecturas propostas que foron respectivamente:
  •  "OS ESCARAVELLOS VOAN Á TARDIÑA" (de Maria Gripe) gustounos á meirande parte. Mesmo foi divertido ver as caras que puxemos ó degustar as pastillas de regaliz que un dos protagonistas da historia está seguido a meter na boca no convencemento de que agudizan o inxenio. Xa vedes nalgunha das fotos da presentación que tedes máis abaixo que as lectoras de 2º ESO  non comparten esa opinión. Pero falamos tamén de Exipto, do papel da muller no s.XVIII; da capacidade que teñen os animais (e as prantas!) de captar os nosos estados de ánimo; da autora María Gripe e dun naturalista chamado Linneo que estableceu unha nomenclatura ciéntífica en latín para tódolos seres vivos. Deixamos esta pequena guía de lectura por se a alguén lle apetece botarlle un ollo.
  •  " AS FRONTEIRAS DO MEDO" (de Agustín Fernández Paz) que dou pe a tratar distintos aspectos dos nosos medos persoais, da arte de René Magritte e de mouros entre outros moitos temas. Tamén deixamos o enlace á guía de lectura que elaboramos sobre este libriño de Fernández Paz.

Pero ademais na semana previa ás vacacións de nadal inauguramos unha nova sección do club adicada ó cine. Estreamos pantalla e equipo audiovisual no andar inferior da biblio e para a ocasión cada membro do club de lectura invitou a un amigo a asistir a esta sesión inaugural na que se proxectou a película "SUPER 8", acompañados dunha boa ración de "palomitas". Un éxito que esperamos repetir nos vindeiros meses.

Deixamos unha presentación con fotografías que recollen distintos momentos das actividades das que falamos.

 
 

17 de nov. de 2012

LECTURAS para a 2ª REUNIÓN

Estes son os libros escollidos para a próxima xuntanza do 26 de NOVEMBRO

OS ESCARAVELLOS VOAN Á TARDIÑA de María Gripe 
(para os Laretiñas)

AS FRONTEIRAS DO MEDO de Agustín Fernández Paz
(para os Laretas)


1ª reunión do club (curso 12-13)

O pasado 5 de novembro o patio interior do IES arrecendía a pizza e a libros. Curiosa combinación para unha primeira xuntanza na que os "Laretiñas" de 1º e 2º se iniciaban no ritual máxico das lecturas compartidas e bulían por participar. Entre outros temas, falouse de "auroras boreais" e de brúxulas, contemplando unha bonita peza de barco que aportou Amparo ó tempo que todos aprenderon a "non perder o Norte". Para aqueles que non leran o libro "La brújula dorada: Luces del Norte", aquí tedes unha pequena guía de lectura.


Pola súa parte, os Laretas do club de 4º compartiron detalles da alucinante viaxe de Allan Karlsson, protagonista de "El abuelo que saltó por la ventana y se largó" e coñeceron de primeira man boa parte da historia do século XX.

Estas fotos recollen distintos momentos do xantar conxunto dos Laretas e Laretiñas e dos posteriores coloquios




5 de nov. de 2012

"El abuelo que saltó por la ventana...": algunhas referencias históricas e culturais

Buscando documentación sobre o autor, demos coa sua páxina web. Nela hai un interesante mapamundi interactivo que ofrece (en inglés)información sobre algúns dos escenarios da novela e sobre os acontecementos históricos nos que participa o protagonista. Un exemplo:
Se premedes na cidade na que nace e pasa a súa infancia Allan, atoparedes tamén datos sobre a I Guerra Mundial, sobre os famosos ovos de Fabergé, a Revolución Rusa de 1917 ou sobre os estudos de "Bioloxía Racial" (Race Biology) que se levaron a cabo en Suecia nos anos previos á II Guerra Mundial.

Na novela de Jonasson atopamos tamén algunhas REFERENCIAS MUSICAIS que podedes escoitar aquí.
  • En Teherán, Allan asegura ter provocado a caída do avión no que viaxaba Glen Miller, autor da coñecida "Moonlight Serenade".


  •  Mentras comparte unhas copas de vodka co investigador ruso Popov, este interpreta a aria "Nessun Dorma" da ópera Turandot de Puccini.




4 de nov. de 2012

EL ABUELO QUE SALTÓ POR LA VENTANA Y SE LARGÓ

Neste enlace podedes ver unha interesante entrevista a Jonas Jonasson, o autor do libro que temos entre mans, dentro do programa de televisión sobre os libros e a lectura "PÁGINA 2".

Aqui deixamos tamén un triptico que ofrece, dun xeito resumido, algúns dos lugares visitados polo protagonista da historia, xunto cun pequeno xogo e a biografía do autor.

LECTURAS para a 1ª REUNIÓN


Empezamos con forza. Para a primeira xuntanza deste ano estes son os títulos:
Novela dos "Laretas"

Libro escollido polos Laretiñas




NOVO CURSO E CALENDARIO DE REUNIÓNS

Aquí estamos de volta un ano máis cunha chea de novidades!.
De entrada anunciámosvos que o club vai medrando: empezamos sendo un grupiño de 5 rapaces e 4 profes no curso 10-11 e neste xa somos 29 (24 rapaces e 5 profesoras). Parece que o "virus" da lectura compartida anda a facer das súas contaxiando cada vez a máis xente!. De feito, neste curso existirán en paralelo 2 clubs de lectura:
  • Dunha parte, estrénanse os "Laretiñas" de 1º e 2º de ESO: un total de 15.
  • Doutra, os xa veteranos "Laretas" de 4º continúan neste curso con 2 novas incorporacións ás que lle damos a benvida.
Xunto con eles contaremos coa colaboración de Amparo, Elvira, Fredes, Lucía, Manuela e Dolores.  
Como recordatorio para todos deixamos aquí o calendario previsto de xuntanzas:

1ª REUNIÓN: 5 novembro
2ª REUNIÓN: 26 novembro
3ª REUNIÓN: 17 decembro
4ª REUNIÓN: 21 xaneiro
5ª REUNIÓN: 18 febreiro
6ª REUNIÓN: 18 marzo
7ª REUNIÓN: 15 abril 
8ª REUNIÓN: 13 maio
9ª REUNIÓN: 26 xuño



..e un pequeno agasallo: unha foto que recolle distintos momentos das actividades que levamos a cabo no curso 2011-12 (se pinchades nela verédela ampliada). Esperamos disfrutar, cando menos, tanto como o fixemos o pasado ano.