Non podemos deixar escapar a ocasión de lembrarvos a todos que hoxe é a nosa gran festa, a dos lectores, a das persoas que amamos os libros. Porque como dí AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ, un dos nosos autores de cabeceira "ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ".
Co seu permiso imos reproducir aquí, parte do texto publicado nun cartaz que foi deseñado para a conmemoración do Día das Bibliotecas de 2008 e foi ilustrado por Xosé Cobas.
ABRE
OS LIBROS e mergúllate na auga da vida que abrolla irreprimible desde
as súas páxinas. Déixate arrastrar pola fervenza de voces, de linguas,
de recendos, de paisaxes. Non esquezas nunca o abraio que experimentamos
nos anos da infancia, cando se nos revela a dimensión máxica que teñen
as palabras e descubrimos que as páxinas dos libros poden conter o mundo
enteiro.
Como as labregas que se
afanan na rebusca de espigas entre os regos despois da ceifa, tamén os
escritores recollen as palabras unha a unha e elaboran con elas o
humilde pan dos seus textos. Deste xeito fan que cheguen ata nós, sempre
novas e sempre sorprendentes, pois os libros posúen a insólita
capacidade de revivir e reinventarse en cada nova lectura.
Todas as persoas necesitamos
as historias, os soños, as palabras, talvez sexa unha característica
inscrita no ADN da humanidade. Necesitámolas coma o comer, como beber
auga, xaora que si. Para entendermos o mundo e para entendernos a nós
mesmos, para soñar outros destinos, para loar os dons que a vida nos dá.
Sabemos que non poderiamos vivir sen o alento da imaxinación e da
creatividade, sen as palabras que expresan a variedade e a beleza dos
nosos desexos e dos nosos sentimentos.
Por todo iso, abramos os
libros. Eles conteñen os soños, as paixóns, os medos, os amores, as
risas. Nas súas paxinas habita a inmensa variedade de sentimentos e
experiencias da humanidade, das persoas que viven agora en calquera
lugar do mundo e das que desapareceron hai moitos anos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario